Saturday 20 de April de 2024

Nunzia Giannotta presenta o seu novo videoclip o domingo na Fábrica


Este domingo ás 19.00 horas no auditorio da Fábrica, a artista Nunzia Giannotta presenta o seu videoclip Por las calles. O acceso é libre e gratuíto.

Nacida en Italia, é veciña de Perillo desde hai case 3 anos. Nunzia Giannotta dedicou toda a súa vida a formarse e instruírse musicalmente, obtendo varios premios e galardóns. Emprendeu diversos proxectos tanto en solitario como coa banda “The Nunzia’s”, banda que constituíu e lidera desde hai un par de anos e incluso participou en programas de mediaset Italia, actuando a raíz diso en diferentes teatros do seu país natal.

Con claras influencias do blues, rock’n roll e soul, esta italiana afincada en Galicia preséntanos agora, en primicia, o seu novo traballo audiovisual Por las calles, o seu primeiro tema propio e o inicio do seu primeiro disco, que proximamente sairá á luz baixo o nome artístico Nunzia y Dos Mundos e co título Kiara, proxecto que pronto estará dispoñible en diferentes formatos e en redes sociais.